Saltar ao contido

Intoxicación ciguatoxínica

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Aviso médico
Aviso médico
Advertencia: A Wikipedia non dá consellos médicos.
Se cre que pode requirir tratamento, por favor, consúltello ao médico.

Denomínase intoxicación ciguatoxínica un tipo de intoxicación alimentaria provocada por consumo de determinados peixes que acumulan nos seus órganos a toxina ciguatoxina. Adoita presentarse por consumo de peixes tropicais (especialmente entre os 35º Norte ata os 35º Sur, e resulta máis frecuente nas illas do Pacífico sur e mar Caribe.

Trátase dunha intoxicación de ámbito mundial [1], cuns 50.000 casos anuais estimados, aínda que se considera que está insuficientemente diagnosticada. Dáse principalmente en países como Australia, Estados Unidos (como Florida ou Hawai) e no Caribe e Pacífico sur (Cuba, República Dominicana ou Porto Rico. Os casos europeos están relacionados con viaxes a países caribeños ou consumo de peixes exóticos. Non se coñocen casos autóctonos en España e só existe o precedente dun abrocho en Fuerteventura, no ano 2005.

A enfermidade coñécese desde 1606 no Pacífico Sur. O primeiro relato detallado do cadro clínico foi en 1774 en Nova Caledonia, grazas ó navegante inglés James Cook.

Especies afectadas

[editar | editar a fonte]

Os peixes que poden provocar esta intoxicación pertencen a diferentes especies mariñas, todas de augas quentes e tropicais. Coñécense ata 400 especies implicadas en casos de intoxicación, entre as que se citan a cherna, prago, xurelo, morea, barracuda etc.

Son sempre especies grandes, depredadoras, que acumulan no seu organismo a toxina producida nas especies pequenas, de hábitos herbívoros, que se alimentan de algas e dinoflaxelados tóxicos (como o Gambierdiscus toxicus), habitantes habituais nos arrecifes de coral. Grazas a esta bioacumulación da toxina, son os peixes máis lonxevos e de maior tamaño os máis tóxicos.

A toxina concéntrase no fígado, cerebro e gónadas dos peixes, pero tamén está presente na masa muscular.

Ciguatoxina

[editar | editar a fonte]

As toxinas responsables da intoxicación son: ciguatoxina-1, maitotoxina, escaritoxina, palitoxina e ácido okadaico, pero moi probablemente existan outras.

Toxina:
Palitoxina

Ciguatoxina

Maitotoxina

A toxina non produce efecto prexuicial ningún sobre o peixe, pero si sobre outros grupos de animais (mamíferos, aves, réptiles, anfibios, insectos).

Cadro clínico

[editar | editar a fonte]

Os primeiros síntomas preséntanse entre as primeiras 2 a 8 horas despois do consumo do peixe, pero poden tardar ata 48 horas.

O cadro clínico consiste en manifestacións dixestivas e neurolóxicas. O cadro dixestivo presenta vómito, diarrea, náuseas e dor abdominal, síntomas que se poden prolongar durante 24 ou 48 horas. O cadro neurolóxico, que pode ser simultáneo pero que habitualmente se presenta con posterioridade, consiste en parestesias e formigueo en labios, mans e extremidades; proído e dor e mais debilidade nas extremidades inferiores. É característica a sensación de calor ó tocar obxectos fríos ou de frío nos quentes. Tamén se presenta fatiga e dores musculares e articulares e, infrecuentemente, cadros de depresión ou ansiedade. Os casos graves, con coma por paro cardíaco, son moi raros.

Así como os síntomas dixestivos adoitan desaparecer pronto, os neurolóxicos poden manterse durante semanas e, de aparecer fatiga ou artralxia, durante meses ou anos.

O diagnóstico baséase na sintomatoloxía, asociada ó consumo previo de especies de peixes asociados previamente con abrochos da intoxicación, e confírmase coa demostración da toxina na carne ou vísceras do peixe. Non existen técnicas laboratoriais eficaces para detectar a toxina na persoa enferma.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]
  翻译: