Saltar ao contido

Wikipedia:Ligazóns externas

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Malia que incluír certo número de ligazóns externas nos artigos pode prestar un valioso servizo aos lectores, as páxinas non deben ser unicamente unha colección de ligazóns externas. Por norma xeral as ligazóns externas non deben incluírse no corpo dos artigos e deben cumprir unha serie de condicións.

As ligazóns externas aceptables inclúen aquelas que conteñen material informativo adicional preciso e relativo ó tema do artigo, información que non se poida engadir directamente ó artigo por motivos de dereitos de autoría ou exceso de detalle, ou calquera outro tipo de contido significativo, relevante e verificado que non sexa axeitado para a súa inclusión no artigo.

Malia que a inclusión dalgunhas ligazóns externas nos artigos é unha práctica aceptable, a Wikipedia non é un directorio de ligazóns, polo que non é preciso incluír listaxes extensivas de ligazóns externas relacionadas co tema do artigo. Cómpre incluír ligazóns a páxinas web nos artigos só cando cumpren as condicións indicadas nesta política e usando o sentido común. A xustificación da inclusión dunha ligazón externa particular nun artigo recae no editor que desexa incluír dita ligazón.

Ten en conta que esta política sobre ligazóns externas non aplica ás referencias a fontes fiables incluídas no corpo dos artigos. Se o sitio ou páxina web que queres ligar inclúe información que non é parte do artigo, considera usala como fonte para o mesmo en forma de referencia. As guías para o uso destas fontes, que inclúen ligazóns externas nas súas citacións, atópanse nas políticas sobre verificabilidade, fontes fiables e citas ao pé.

Consideracións xerais

[editar a fonte]
  1. Esta política non aplica para as citas en liña ou referencias xerais, que aparecen nas seccións finais dos artigos.[a]
  2. As ligazóns externas non deben incluírse no propio corpo do artigo por norma xeral. No seu lugar deben incluírse na sección de "Ligazóns externas" ó final dos artigos, nas referencias e citas ao pé e en situacións particulares nalgunhas caixas de información e/ou táboas.
  3. O número de ligazóns na sección de "Ligazóns externas" debe manterse no mínimo posible. Unha falta de ligazóns externas ou un baixo número de ligazóns non constitúe en si mesma un motivo para a inclusión de ligazóns externas adicionais.
  4. En xeral, cómpre evitar ligar a múltiples páxinas dun mesmo sitio web, e tentar atopar a ligazón máis axeitada dentro do propio sitio web.
  5. Esta política non aplica as ligazóns interwiki que aparecen na barra lateral por defecto, que se toman directamente do Wikidata.

Restricións

[editar a fonte]

Hai dous tipos de ligazóns externas que non están permitidas baixo ningunha circunstancia, por motivos técnicos e de políticas da Wikipedia:

  1. Non se deben incluír ligazóns externas a sitios e páxinas web que conteñen material que viola os dereitos de autoría de terceiros, tanto na sección de ligazóns externas coma nas citas ao pé e referencias.[a] As ligazóns externas a sitios que conteñen obras con dereitos de autoría poden ser aceptables sempre e cando a páxina ou sitio web ligado sexa propiedade ou estea mantida polo propietario de ditos dereitos de autoría, teña a licenza para esa obra concreta ou utilice a obra de acordo ó principio do uso lexítimo.[b] Se hai motivos para crer que unha páxina web contén unha copia dunha obra que viola os dereitos de autoría, non inclúas unha ligazón a esa páxina. Isto é particularmente relevante cando se inclúen ligazóns a sitios do tipo de Scribd ou YouTube, no que cómpre ter precaución para evitar incluír ligazóns a materiais que violen os dereitos de autoría.
  2. O sistema MediaWiki bloquea automaticamente calquera edición que conteña ligazóns externas incluídas na lista negra de spam local ou na de Meta-Wiki, agás cando están validadas na lista branca correspondente. Se algún artigo contén unha destas ligazóns porque o sitio ou páxina web incluíuse posteriormente na lista negra, debe borrarse do artigo.

Consideracións á hora de engadir ligazóns externas

[editar a fonte]

Hai varios factores que deben considerarse á hora de engadir unha ligazón externa:

  • É o contido do sitio web accesible para o lector?
  • É o contido do sitio web axeitado dentro do contexto do artigo? (útil, informativo, exacto etc.)
  • Funciona a ligazón correctamente e é probable que siga funcionando nun futuro próximo?

Cada ligazón debe considerarse de forma individual polos seus propios méritos, usando as indicacións desta política. Segundo medra o número de ligazóns externas nun artigo, a avaliación para a inclusión dunha nova ligazón debe ser máis estrita. Se tes dúbidas sobre se é axeitado de engadir novas ligazóns nun artigo, fai unha suxestión na páxina de conversa do propio artigo para revisalo con outros editores.

Que pode ser enlazado habitualmente

[editar a fonte]
  1. As webs oficiais deben incluírse nos artigos que traten de organizacións, persoas ou entidades que teñan sitio web oficial.
  2. As páxinas que sexan citadas ou usadas como referencias xerais ou fontes da creación do artigo, nos artigos curtos ou pouco desenvolvidos e agás que xa aparezan na sección de referencias do artigo.
  3. Nos artigos sobre libros, obras musicais ou calquera outro tipo de medio audiovisual pode incluírse unha ligazón a un sitio web que teña unha copia da obra distribuída de forma legal, sempre que o sitio web non incorra nalgún dos puntos indicados nas restricións xerais e no que non se debe ligar.
  4. Páxinas con gran cantidade de material neutral e relevante, pero que non se integrou no artigo aínda ou non se pode integrar por mor de dereitos de autoría.[c] O ideal sería que ese contido se incluíse no artigo da Galipedia (respectando os posibles dereitos de autoría que teña o texto) e que a web se engadise coma referencia.

Que podería ser enlazado en determinadas circunstancias

[editar a fonte]

En casos particulares poden incluírse outras ligazóns ademais das que se listaron na sección anterior:

  1. Unha ligazón a unha listaxe dun directorio web axeitada no contexto do artigo, tendo preferencia os directorios abertos (se dous son semellantes e soamente un é aberto). Se se xulga innecesario, ou se non existe ningunha boa listaxe, non debe incluírse.
  2. Unha ligazón a un único blog ou web de fans (fansites) particularmente destacado no contexto do tema tratado no artigo. En artigos nos que o seu tema concite un gran número de fansites ou blogs que traten sobre o asunto do artigo, a inclusión dunha ligazón ó fansite ou blog máis importante ou destacado considérase apropiado, sempre que se indique con claridade que a ligazón pertence a un fansite ou blog.

Que non debe ser enlazado

[editar a fonte]
Atallo:
WP:LENO

En xeral deben evitarse o seguintes tipos de ligazóns externas:

  1. Calquera páxina ou sitio web que non fornece un recurso único máis aló do que contería o artigo se fose un artigo de calidade.
  2. Wikipedia non permite engadir ligazóns con propósitos comerciais ou para anunciar produtos, servizos ou calquera clase de sitios web. Desaconséllase incluír enlaces a páxinas persoais propias, e tamén incluír masivamente enlaces dunha web determinada: estas accións deben comunicarse no Taboleiro dos administradores ou noutra páxina para o efecto, e a comunidade debe aprobar a súa incorporación antes de continuar. A inclusión continuada e persistente de ligazóns a páxinas persoais propias pode chegar a considerarse vandalismo e dar lugar a sancións.
  3. As ligazóns a recensións profesionais que expoñan unha certa análise xeral en relación con álbums musicais ou cancións, xogos de computador, películas, libros ou outro tipo de obras, non deben incluírse como ligazóns externas, agás cando actúan como referencias xerais nos artigos curtos e pouco desenvolvidos. Este tipo de recensións deberían empregarse como fontes para as referencias que apoien a parte do texto particular onde se debata a recepción pública de dita obra.
  4. Outros wikis abertos que poidan ser editados libremente polos seus usuarios, agás aqueles que teñan unha substancial historia de estabilidade e número de editores.[d] Os sitios espello e forks da Wikipedia tampouco deben incluírse como ligazóns externas.
  5. Ligazóns a un sitio que venda produtos ou servizos, a menos que sexa aplicable algúns dos puntos anteriores referentes a que debería ser enlazado ou que podería ser enlazado.
  6. Sitios que conteñan malware, software ou scripts maliciosos, troianos ou contido ilegal. Pode informarse dos sitios sospeitosos de malware na páxina correspondente de Meta-Wiki.
  7. Resultados de motores de procura, agregadores de procuras ou sindicación RSS.
  8. Ligazóns a blogs persoais ou fotologs (salvo que sexa aplicable algúns dos puntos anteriores referentes a que pode ser enlazado habitualmente ou que podería ser enlazado en determinadas circunstancias).
  9. Ligazóns que pretendan facer promoción dun determinado sitio web, incluíndo peticións en liña.
  10. Ligazóns a webs que requiran algunha forma de rexistro ou subscrición ao contido, agás cando o propio sitio é o tema tratado no artigo ou a ligazón se empregue como referencia xeral dun artigo curto ou pouco desenvolvido.
  11. Calquera sitio web que poida confundir ó lector ofrecendo información non correcta ou investigacións non verificables, salvo de forma limitada cando o propio asunto do artigo trate sobre o punto de vista particular que presenta dito sitio web.
  12. Sitios web non accesibles para un número substancial de usuarios, como sitios que só funcionan cun determinado navegador web ou para usuarios dun determinado país ou territorio.
  13. Ligazóns externas directas a documentos que precisan dunha aplicación externa ou plug-in (como Flash ou Java) para poder ver o contido, agás cando o propio asunto do artigo trate sobre o formato de ficheiro particular.
  14. Servizos de redes sociais (como por exemplo Myspace, Facebook, LinkedIn ou Instagram), charlas ou foros e grupos de discusión (como por exemplo Yahoo! Groups), feeds de Twitter, grupos de novas Usenet ou listas de correo electrónico.
  15. Sitios web que só están relacionados de forma indirecta co tema tratado no artigo. As ligazóns externas deben estar directamente relacionadas co propio asunto do artigo no que se inclúen. Un sitio web xeral que conteña información sobre unha variedade de temas non debe incluírse polo xeral nun artigo sobre un tema máis específico. De forma semellante, unha páxina web sobre un tema específico habitualmente non debería incluírse como ligazón externa nun artigo sobre un tema máis xeneral.
  16. Sitios que poden ligarse empregando algunha ferramenta da propia Wikipedia. Por exemplo, no lugar de incluír unha ligazón a un sitio web comercial para un libro, pódese empregar unha ligazón wiki ISBN, que dirixe ó lector cara diversas fontes bibliográficas nas que pode procurar polo libro, ou fontes de mapas que poden indicarse usando modelos de coordenadas.
  17. Ligazóns a sitios web que non funcionan de forma fiable ou que probablemente non continuarán sendo funcionais nun futuro próximo, como por exemplo ligazóns a páxinas web de contido temporal.
  18. Ligazóns de afiliación, seguimento ou referencia, é dicir, ligazóns que conteñen información sobre quen debe recibir unha compensación de calquera tipo por cada lector que segue esa ligazón. Se o sitio web é útil en si mesmo, debe empregarse unha ligazón neutral que non conteña este tipo de información de seguimento.
  19. Ligazóns a páxinas web de organizacións mencionadas no artigo, salvo que cumpran o indicado en que pode ser enlazado habitualmente ou que podería ser enlazado en determinadas circunstancias. As ligazóns a este tipo de páxinas web permítense cando dita páxina emprégase como fonte fiable da información presentada, pero non para dirixir ó lector cara a páxina web da organización para simplemente indicar que existe ou que posúe un sitio web.

Sitios web oficiais

[editar a fonte]

Considérase unha ligazón externa a un sitio web oficial ás ligazóns externas que cumpren ámbolos dous criterios seguintes:

  1. O contido da páxina web ligada está controlado polo suxeito (organización ou individuo) que se trata no artigo.
  2. O contido da páxina web ligada cubre principalmente a área na que o tema tratado no artigo é notable.

As ligazóns oficiais fornécense para darlle ó lector a oportunidade de consultar a información ofrecida polo propio suxeito do artigo. Estas ligazóns están exentas das condicións expresadas no que non debe ser enlazado, pero non están exentas das restricións xerais sobre ligazóns externas. Por exemplo, aínda que as ligazóns a páxinas web que requiren un rexistro ou un pago por ver o seu contido non son aceptables para a sección de ligazóns externas, pode incluírse unha ligazóns externa deste tipo se é a páxina web oficial do suxeito do artigo.

As ligazóns externas a sitios web oficiais seguen estando suxeitas ós requirimentos de formato, como o de non incluílas no propio corpo do artigo. Cando se usa un sitio web oficial como fonte para unha afirmación autopublicada polo suxeito do artigo, debe indicarse da mesma forma que calquera outra referencia empregada no artigo. Por convención, as ligazóns a sitios web oficiais inclúense no primeiro lugar da sección de "Ligazóns Externas", e o uso de modelos como {{páxina web}} son opcionais.

Moitos artigos non teñen un sitio web oficial relacionado. As páxinas web de fans e relacionadas co suxeito, como por exemplo páxinas web de fans dun músico ou grupo ou páxinas web de organizacións benéficas co apoio do suxeito do artigo, aínda que estean apoiadas publicamente polo suxeito do artigo, non se consideran páxinas web oficiais do mesmo xa que este non ten o control da información que se presenta nesas páxinas. As ligazóns a páxinas web deste tipo que non se consideran sitios web oficiais poden ser xustificables se cumpren algúns das restantes condicións expresadas nesta política.

Minimizar o número de ligazóns externas a sitios web oficiais

[editar a fonte]

Polo xeral só debe incluírse unha ligazón externa a un sitio web oficial. Se o suxeito do artigo ten máis dunha páxina web oficial pode que varias destas ligazóns externas sexan axeitadas baixo circunstancias limitadas. Porén, a Wikipedia non é un directorio de páxinas web de tódolos sitios web oficiais dun suxeito. Non é obxectivo da Wikipedia documentar ou fornecer ligazóns externas a tódalas partes da presenza web do suxeito ou darlle ós lectores unha lista útil de tódalas súas aparicións en redes sociais. Este tipo de directorios de ligazóns dan lugar a un "desorde" no artigo e favorecen un énfase non neutral no punto de vista primario do propio suxeito.

As ligazóns a varios sitios web oficiais deben incluírse de forma múltiple só cando as ligazóns adicionais ofrecen ó lector contido único adicional que non estea ligado de forma clara dende outro sitio web oficial do suxeito. Por exemplo, se a páxina principal do sitio web oficial dun autor contén unha ligazón ó seu blog e conta de Twitter, entón non é necesario incluír ligazóns externas ós tres sitios. No seu lugar, unha ligazón a esta páxina principal é suficiente. Por norma xeral, cómpre escoller o mínimo número de ligazóns externas a sitios web oficiais para conseguir fornecer a máxima información posible. As ligazóns a sitios web que fornecen información estable e consistente son preferibles no lugar das ligazóns a redes sociais e servizos de comunicación, onde o contido cambia moi rapidamente e pode non cumprir con algunha das condicións desta política nun momento determinado.

Publicidade e conflito de intereses

[editar a fonte]

A inclusión dunha ligazón externa a un sitio web adoita aumentar o tráfico web de dita páxina, polo que existe un gran risco de que se intente empregala para facer promoción ou publicidade de sitios web, tanto comerciais como non comerciais. En liña coas políticas da Wikipedia, debes evitar engadir unha ligazón externa a un sitio web do que sexas propietario, que manteñas ou representes, incluso se cumpre o resto de requisitos para a súa inclusión nun artigo. Se tes dúbidas sobre isto, podes indicalo na páxina de conversa correspondente e deixar que a comunidade opine e decida se se debe incluír. Esta suxestión segue o indicado na política sobre conflito de intereses.

A Wikipedia usa os mesmos estándares para avaliar as ligazóns a páxinas web de organizacións con ou sen ánimo de lucro. As ligazóns a páxinas web que potencialmente lles reporten beneficios non están expresamente prohibidas, aínda que o propietario de dita páxina teña beneficios por publicidade, vendas ou doazóns. A elección das ligazóns externas a incluír debe facerse seguindo as indicacións desta política e baseándose no beneficio inmediato que poden achegar ós lectores da Wikipedia, e non baseándose no estado fiscal da organización particular ou os posibles beneficios que lle achegue dita ligazón.

Biografías de persoas vivas

[editar a fonte]

Nas biografías sobre persoas vivas, o material que só estea dispoñible en fontes cuestionables ou de valor dubidoso deben tratarse con precaución, e non empregarse en absoluto cando se trata de material despectivo non apoiado por outras fontes, tanto nas citas e referencias como nas ligazóns externas. As ligazóns externas nos artigos sobre persoas vivas deben ser de gran calidade e xulgarse por estándares máis estritos que no resto de artigos. Non se deben incluír ligazóns externas a páxinas web que non cumplan esta política ó completo ou que contradigan o espírito da política correspondente.

Sitios que requiren rexistro ou subscrición

[editar a fonte]

As ligazóns externas a sitios web que requiren un rexistro ou subscrición de pago para ver o seu contido deben evitarse, xa que non son útiles para moitos lectores. Moitos xornais en liña requiren un rexistro para acceder parte ou o total do seu contido, e algúns deles requiren unha subscrición. As revistas en liña adoitan pedir tamén unha subscrición para acceder ó seu contido. Tamén hai arquivos de xornais e revistas que precisan dun pago para acceder ó seu contido.

Un sitio web que require un rexistro ou subscrición non debe incluírse como ligazón externa, agás no caso de que o propio sitio web sexa o tema do artigo ou a ligazón externa sexa parte dunha referencia ou o sitio web oficial do asunto do artigo. As citas bibliográficas deben citar a fonte da publicación máis autoritaria (por exemplo unha copia dun xornal na páxina web oficial de dito xornal no lugar dunha copia do xornal no blog de alguén), pero pode engadirse unha ligazón a unha versión gratuíta noutra páxina web non oficial se está dispoñible libremente e non supón unha violación dos dereitos de autoría da obra citada.

Ligazóns a contidos que non estean en galego

[editar a fonte]

Por norma xeral teñen prioridade as ligazóns a sitios web en galego. Se un mesmo contido está dispoñible en distintas linguas, sempre debe optarse por incluír a ligazón á páxina correspondente en galego, mentres cumpra o resto de condicións expresadas nesta política. Aínda así, nalgúns casos pode ser axeitado ter unha ligazón a unha páxina que non estea en galego, por exemplo cando non estea dispoñible en galego, cando só o estea na súa linguaxe orixinal, ou cando conteña axudas visuais como mapas, diagramas ou táboas.

Cando se engada unha ligazón a un sitio web que non estea en galego, debe etiquetarse co modelo de lingua correspondente. Estes modelos son da forma {{XX}}, sendo os "XX" o código ISO 639-1 da lingua correspondente. Nos modelos de tipo {{Cita ...}} coma {{Cita web}} ou {{Cita novas}}, a lingua indícase mediante o parámetro |lingua=XX, sendo os "XX" o código ISO 639-1 da lingua correspondente.

Sitios de redireccións

[editar a fonte]

Os sitios a redireccións URL non deben empregarse como ligazóns externas. Exemplos deste tipo de sitios inclúen tinyurl.com, tiny.cc e o dominio .tk. A maioría destes sitios están incluídos na lista negra global de spam porque adoitan empregarse de forma abusiva, polo que non é posible gardar unha edición que conteña este tipo de ligazóns. As ligazóns a proxys anónimos están tamén prohibidas. No seu lugar debe incluírse unha ligazón á URL orixinal do sitio.

Por norma xeral é mellor ligar ó destino exacto da páxina ou sitio web. Por exemplo, se o enderezo exemplo.com é unha redirección automática a tripod.com/exemplo, considérase máis axeitado indicar directamente "tripod.com/exemplo" na propia ligazón externa.

Referencias ademais de ligazóns externas

[editar a fonte]

As páxinas e sitios web empregados como fontes na creación dun artigo deben citarse no propio artigo e ligarse en forma de referencias. As ligazóns a estas fontes non se consideran "ligazóns externas" para o propósito desta política, e polo xeral non deben duplicarse na sección de ligazóns externas se non cumpren a función de referencia xeral para o artigo. Algunhas excepcións a esta norma—páxinas web que poden actuar tanto de referencias como de ligazóns externas—inclúen os sitios web oficiais ou páxinas adicadas ó tema tratado no artigo, que conteñan subpáxinas múltiples e que cumpran os criterios xerais de inclusión.

Lonxevidade das ligazóns externas

[editar a fonte]
Véxase tamén: Wikipedia:Ligazóns mortas.

É importante considerar a probabilidade de que a ligazón se manteña relevante e aceptable en relación ó artigo nun futuro próximo. Por exemplo, non é útil ligar a un sitio web que cambia a miúdo e que contén unha imaxe ou artigo puntual na súa páxina principal nun determinado momento. Considera localizar e ligar a unha versión de ligazón permanente do contido web, e tentar atopar recursos que manteñen o mesmo contido dispoñible sen mudar o seu enderezo.

As ligazóns externas mortas ou inactivas non son útiles para os artigos e débense eliminar ou pór ao día con novas versións. Se se detecta un enlace desaparecido nun artigo, é conveniente comprobar se se usa nalgún outro artigo (mediante a utilidade Especial:Linksearch) e eliminalo ou substituílo tamén nestoutros. Os enderezos URLs poden ser obxectivo dun "secuestro", ou volver a rexistrarse para propósitos diferentes do orixinal. Aínda que a URL sexa válida (é dicir, que funcione), se non segue apuntando á información seguindo a intención orixinal da ligazón debe tratarse como unha ligazón morta.

  1. 1,0 1,1 A restricción de non incluír ligazóns a sitios web que incurren en violacións de dereitos de autoría é unha excepción que si aplica para tódalas ligazóns externas, incluíndo aquelas empregadas nas referencias e citas ao pé.
  2. O uso lexítimo ou fair use só aplica para aqueles sitios e páxinas web aloxados nos Estados Unidos de América que se atopan baixo a lexislación dese país.
  3. Isto significa que non se pode incluír dito material no artigo da Wikipedia xa que ten dereitos de autoría, pero pode incluírse a ligazón externa ó propio sitio web. Isto non permite incluír ligazóns externas que violen os dereitos de autoría dun terceiro.
  4. Non aplica para as ligazóns de proxectos irmáns da propia Fundación Wikimedia.
  翻译: