Saltar ao contido

Control de autoridades

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Para ver información sobre o control de autoridades na Wikipedia, véxase Axuda:Control de autoridades.

En biblioteconomía e en ciencia da información, chámase control de autoridades á práctica de instaurar e manter o control dos materiais bibliográficos do catálogo dunha biblioteca.

O control de autoridades ten dúas funcións importantes: primeiro, que os catalogadores poidan distinguir entre nomes semellantes ou idénticos; segundo, que poidan dispor de materiais que loxicamente están reunidos, aínda que se presentan de forma diferente.

Definición

[editar | editar a fonte]

O control de autoridades é o conxunto de procesos que crean, unifican e actualizan os puntos de acceso dos catálogos automatizados e mostra ademais as relacións entre os distintos puntos, dunha forma normalizada. A súa finalidade é facilitar a procura, identificación e recuperación dos documentos almacenados, evitando confusións e aforrando tempo ao usuario. Para asegurar que as obras dunha determinada entidade corporativa ou persoal sexan recuperadas sempre que se realice unha procura, deberase determinar o encabezamento e establecer a forma autorizada deste, seguindo tamén as convencións e recomendacións internacionais.

Tarefas do control de autoridades

[editar | editar a fonte]

O control de autoridades permítenos realizar o catálogo da biblioteca, axudándonos como recurso a recuperar rexistros bibliográficos tanto a profesionais da información como aos usuarios, para iso, os profesionais da información, necesitan establecer unha serie de tarefas principais:

  • Saber diferenciar entre dous puntos de acceso cando son similares, homonimia
  • Establecer relacións de forma xerárquica ou asociativa entre todos os puntos de acceso.
  • Unificar puntos de acceso que se consideren sinónimos.
  • Establecer unha relación entre os puntos de acceso que se atopen admitidos nas regras de catalogación e os que non o estean, tamén chamado referencias de reenvío.

Metodoloxía

[editar | editar a fonte]
A princesa Diana de Gales está descrita nun ficheiro de autoridades como "Diana, Princesa de Gales, 1961-1997".

Deben terse en conta varios aspectos á hora de realizar un control de autoridades:

  • Se é con carácter retrospectivo sobre todos os fondos da biblioteca ou, pola contra, o ficheiro vaise constituír coas entradas que se vaian normalizando.
  • Se todas as autoridades do catálogo necesitan ser controladas ou se se vai facer de maneira selectiva. O ideal é facer unha selección de autoridades completa pero o tempo que leva esta tarefa fai que algúns centros fagan unha selección de autoridades baseada nos distintos criterios, apelidos máis comúns, os compostos, os iniciais etc.
  • Se vai crearse un ficheiro de autoridades propio ou se se vai consultar unha lista de prestixio recoñecido, como as da Library of Congress, Biblioteca Nacional ou calquera outro.

En principio os ficheiros de autoridades deben crealos as bibliotecas, pero é importante o papel das bibliotecas universitarias e locais para a información sobre autoridades locais e rexionais. Estes centros utilizan un sistema mixto baseado en establecer as súas propias autoridades cando non están noutros ficheiros de autoridade de máis alto nivel.

Unha vez que un centro tomou a decisión de aplicar o control de autoridades aos seus rexistros, hai unhas operacións a realizar:

  • Creación da autoridade: un punto de acceso referente a un autor, título uniforme ou materia, convértese nunha autoridade cando se contrasta nunha lista de autoridades xa establecida e se comproba que está incluído nela. Se non está incluído na lista, deberá crearse e incluírse na lista de autoridades propia indicando as fontes que se consultaron para dala por válida. Nos dous casos, a partir deste momento a autoridade forma parte do ficheiro de autoridades da biblioteca.
  • Establecemento das referencias cruzadas entre as autoridades por medio de relacións que poden ser de equivalencia, xerárquicas e asociativas. Esta fase realízase con todos os tipos de autoridades, pero, a diferenza dos nomes de persoa, nas entidades non prevalece o criterio de ter que elixir unha soa forma para a entidade.
  • Rexistro das autoridades e as súas referencias no formato e software elixido.
  • Mantemento da lista de autoridades, mediante o control de altas, modificacións e baixas. Para que sexa efectivo, o sistema debe ser permanentemente verificado e validado, tanto en relación ás autoridades como ás referencias entre elas. Hai que estar constantemente revisando o ficheiro para actualizalo, tendo en conta as formas alternativas do encabezamento.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • Biblioteca Nacional. Guías temáticas. Categorías: Documentos técnicos. Manual de autoridad. Título: Manual de autoridades. GSARE: Directrices para los Registros de autoridad y de referencia de materia. Autor: Biblioteca Nacional.
  • IFLA. Título: Directrices para registros de autoridad y referencias. Autor: IFLA. Edita a Secretaría General de Información y Publicaciones.
  • Anales de documentación. Nº 2, 1999. Título: El Control de Autoridades. Autor: Cristina Herrero Pascual. Publicación: Facultad de Ciencias de la Documentación. Universidade de Murcia.
  • Servizo de Arquivos y Bibliotecas. Universidade de Salamanca. Título: Control de autoridades y calidad de puntos de acceso del catálogo automatizado de la biblioteca de la Universidad de Salamanca. Autor: Lorenzo Albás. Xefe da Unidade de Mantemento do catálogo. Publicación: Tallar de Bibliotecas Universitarias Iberoamericanas. Ano 2003.

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]
  翻译: